CCOO del Hábitat | 5 mayo 2024.

CCOO presenta unha campaña de prevención de riscos no sector da Construción

    «Non podemos consentir un morto cada cinco días en accidente laboral», denuncia Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO do Hábitat de Galicia

    22/04/2024.
    CCOO presenta unha campaña de prevención de riscos no sector da Construción

    CCOO presenta unha campaña de prevención de riscos no sector da Construción

    A federación de CCOO do Hábitat presentou este venres unha campaña de prevención de riscos laborais para o sector da Construción en Galicia, o segundo que maiores taxas de sinistralidade presenta a nivel estatal.

    Na comparecencia diante dos medios de comunicación interviñeron Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO do Hábitat de Galicia, Aída Suárez, secretaria estatal de Saúde Laboral de CCOO do Hábitat e Rodrigo Ponche, responsable do sector da Construción de CCOO na Coruña.

    Alejandra Gesto explicou que a principal causa de accidente no sector da Construción en Galicia son as caídas de altura, seguida dos atropelos e dos atrapamientos.

    A pesar de que nos accidentes leves e graves houbo un descenso nos dous últimos anos, nos mortais houbo «un repunte moi preocupante», pasando de haber un cada 40 días de traballo efectivo no 2022 —seis falecidos— a un cada cinco día só no primeiro trimestre deste ano —dez mortes nos tres primeiros meses.

    Ante estes datos, o sindicato intensificará a campaña de visitas ás obras que xa anunciou semanas atrás, co obxectivo de chegar ás duascentas por provincia antes do final do ano. «Debido a estes datos tan alarmantes, adiantarémolas o máximo posible», indicou Gesto, á vez que informou que a día de hoxe «xa pasamos das 50 visitas por provincia».

    A principal conclusión destas primeiras comprobacións a pé de obra son que tanto na civil como na nova construción é xeneralizado o cumprimento da normativa de prevención de riscos, pero non así na rehabilitación de edificios, onde se detectaron problemas relativos ao modelo e tipo de arneses e ao uso das liñas de vida. «Teremos proximamente unha reunión coa Inspección de Traballo para trasladarlle esta cuestión», sinalou a secretaria xeral de CCOO do Hábitat de Galicia.

    Pola súa banda, Aída Suárez destacou a importancia das campañas de prevención de riscos na Construción, pois é o segundo sector con máis accidentabilidad a nivel do Estado, «destacando negativamente a situación de Galicia», subliñou.

    Ao mesmo tempo, aproveitou para presentar a campaña estatal de prevención ante as temperaturas extremas. Baixo o lema «Ante as ondas de calor esixe prevención», CCOO pretende minimizar os riscos derivados da exposición ás altas temperaturas e protexer a seguridade e saúde das persoas traballadoras que desenvolven actividades á intemperie ou en locais non climatizados.

    O sindicato continúa en contacto coas Administracións e coas empresas para acordar protocolos de actuación en materia preventiva ante temperaturas extremas nos distintos sectores que forman parte de CCOO do Hábitat e de maneira singular na Construción.

    Aída Suárez lembrou que desde o ano pasado está en vigor o RDL 4/2023, no que se regulan as condicións ambientais no traballo ao aire libre, o cal establece a obrigatoriedade de reducir ou modificar a xornada laboral nos casos de alertas de nivel laranxa ou vermello cando as medidas existentes son insuficientes.

    Ao mesmo tempo, instou a que se negocien «urxentemente» protocolos de actuación ante a previsión de altas temperaturas, antes de que chegue o período estival, pois a anticipación é clave na prevención de riscos.