CCOO del Hábitat | 19 abril 2024.

A xustiza constata os incumprimentos laborais da concesionaria do SAF de Frades e Ordes

    O Xulgado do Social nº 3 da Coruña constatou os incumprimentos laborais da concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Frades e Ordes, Aralia Servizos

    26/03/2021.
    A xustiza constata os incumprimentos laborais da concesionaria do SAF de Frades e Ordes

    A xustiza constata os incumprimentos laborais da concesionaria do SAF de Frades e Ordes

    No xuízo, que tivo lugar esta mesma semana, CCOO de Construción e Servizos de Galicia expuxo irregularidades en cuestións como a xornada laboral, a confección das nóminas e os tempos de descanso das 46 traballadoras que prestan o servizo. Contra a sentenza só cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

    Ricardo Santos, secretario de Acción Sindical de CCOO de Construción e Servizos de Galcia, acolle «con satisfacción» a resolución xudicial, que se une a «moitas outras sentenzas que gañamos e coas que contribuímos a mellorar as condicións laborais no sector».

    Feitos probados

    Tal e como denunciou CCOO de Construción e Servizos de Galicia e ratifica agora a xustiza, Aralia Servizos non respecta a xornada mínima de 25 horas para o persoal que non goza de xornada completa —24 no caso do persoal que traballa as fins de semana e os festivos—. Tampouco cumpre co descanso mínimo entre xornadas de traballo —doce horas— nin o semanal —día e medio ininterrompidos—. Ao mesmo tempo, a sentenza declara o dereito das traballadoras para cobrar os seus salarios conforme ao recolleito no convenio sectorial.

    Antes de chegar a xuízo, CCOO de Construción e Servizos de Galicia realizou actuacións previas ante a Inspección de Traballo, así como «infrutuosas» reunións coa dirección da empresa. A pesar destas xestións, Aralia mantivo os incumprimentos, que foron «reiterados» no tempo, «como así constatou a Inspección de Traballo nas súas actas sancionadoras», apunta Santos.

    CCOO solicitará a rescisión do contrato

    Coa sentenza na man, CCOO de Construción e Servizos de Galicia previu reunirse coas traballadoras para informalas do resultado e dos efectos da sentenza, así como das accións individuais e colectivas para levar adiante. Entre outras, o sindicato ten a intención de solicitarlle ao Tribunal de Contratación Pública a rescisión do contrato a Aralia Servizos e a adxudicación a outra empresa, con subrogación das 46 traballadoras.