CCOO del Hábitat | 24 abril 2024.

O Concello de Santiago deberá aumentar a contía destinada á prevención da COVID-19 na licitación da axuda no fogar

    O Tribunal de Contratación Pública de Galicia entende ben razoados os cálculos de CCOO de Construción e Servizos de Galicia, que multiplican por 28 o orzamento inicial de licitación do servizo de Atención Domiciliaria, ata situarse en máis de 150.000 euros

    03/10/2020.
    O Concello de Santiago deberá aumentar a contía destinada á prevención da COVID-19 na licitación da axuda no fogar

    O Concello de Santiago deberá aumentar a contía destinada á prevención da COVID-19 na licitación da axuda no fogar

    2-10-2020.- O Tribunal de Contratación Pública dálle a razón CCOO de Construción e Servizos de Galicia e insta o Concello de Santiago a revisar o orzamento da licitación do servizo de axuda no fogar (SAF), particularmente no que respecta ao capítulo de material e medidas preventivas para a COVID-19. Malia que non fixa unha cifra, o organismo público considera «razoados» os cálculos de CCOO de Construción e Servizos de Galicia, que multiplican por 28 o orzamento inicial.

    No seu recurso, o sindicato realizou un cálculo «rápido, e probablemente conservador», sinala Ricardo Santos, secretario de Acción Sindical de CCOO de Construción e Servizos de Galicia, que incrementa de xeito substancial o importe desta partida, que quedaría en polo menos 153.534,39 euros. O volume económico contrasta coa «ridícula» a partida orzamentaria denunciada, de só 5448,37 euros anuais ou, noutras palabras, o 0,1 % do custo total do SAF.

    O Tribunal puntualiza que «[non] nos corresponde fixar a contía» en que debería ser aumentada a licitación do SAF, pero ratifica a que as estimacións de CCOO de Construción e Servizos de Galicia son axeitadas, en tanto que se sustentan «en diversos orzamentos de provedores».

    Por esta razón, o organismo que fiscaliza a contratación anula este punto da licitación e obriga o Concello de Santiago a subsanar a eiva denunciada por o sindicato e a «dar coñecemento a este Tribunal das actuacións adoptadas para lle dar cumprimento a esta resolución».

    Orzamentos

    Segundo datos do Observatorio sectorial da contratación pública da federación estatal de CCOO de Construción e Servizos, entre outubro do 2019 e setembro do 2020 adxudicáronse en Galicia 19 concursos cuxo obxectivo é a contratación do SAF xestionado polas Administracións locais.

    O prezo de saída das licitacións sumou case 42,79 millóns de euros. Tras aplicar os criterios de adxudicación, quedaron sen gastar máis de 2,3. Isto supón un impacto medio do 5 % respecto do prezo de saída. Isto prodúcese, segundo CCOO, polas melloras presentadas nas empresas nas súas propostas, que inclúen horas gratuítas de prestación do servizo á custa das condicións laborais.

    CCOO de Construción e Servizos oponse a estas prácticas e insta as Administracións a rexeitalas, xa que a mingua dos custes salariais ten como consecuencia unha deterioración das condicións de traballo dun colectivo «que xa é precario de seu».