CCOO del Hábitat | 18 abril 2024.

CCOO e CIG convocan folga indefinida nos servizos de limpeza dos hospitais a partir do 10 de abril

    Ambos os dous sindicatos denuncian que as empresas Clece, Grupo Norte, Grupo Faro e Ilunión se negan a pagar a equiparación salarial

    02/04/2019.
    Convocada una huelga indefinida en los servicios de limpieza de hospitales de Galicia

    Convocada una huelga indefinida en los servicios de limpieza de hospitales de Galicia

    Comisións Obreiras (CCOO) e CIG anunciaron esta mañá folga indefinida nos servizos de limpeza dos hospitais galegos a partir do 10 de abril. Realizaron o anuncio no marco dunha asemblea de delegadas e delegados, que aproveitaron para denunciar os incumprimentos das empresas Clece, Grupo Norte, Grupo Faro e Ilunión, que se negan a pagarlle ao persoal a equiparación salarial acordada, así como a «parsimonia» do SERGAS, que consente a situación.

    A convocatoria de folga atangue ao redor de catro mil traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza dos hospitais e afectará a miles e miles de usuarias e usuarios, agás que o SERGAS reaccione ou as empresas rectifiquen.

    Para o día 9 de abril está prevista unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais e a folga iniciarase ao día seguinte, se non se resolve esta situación. Unha xuntanza na que o secretario de Acción Sindical da Federación de Construción e Servizos de CCOO, Ricardo Santos, xa adiantou que «non vai haber debate. Xa o houbo o 15 de outubro e o 8 de novembro, cando todos chegamos a un acordo, mesmo as empresas que agora o cuestionan e que son asinantes e mesmo centrais sindicais que asinaron e non entendemos por que non nos acompañan agora nesta convocatoria de folga».
    O voceiro de CCOO lembrou que hai sentenzas de 2011 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e máis do Tribunal Supremo en que se aclara como teñen que aboar as empresas este plus. Santos denuncia pois que houbo «mala fe no ámbito da negociación», xa que as empresas agardaron ao último día para comunicar que non pagarían. «Isto non nos deixa máis camiño que afrontalo desta maneira», ou sexa, convocando a folga.

    Ricardo Santos tamén sinalou que a negativa das empresas a pagar un plus recoñecido por convenio pode ter «graves consecuencias para elas», xa que as infraccións na orde social poden ser castigadas con multas que van dos 6000 aos 187.000 euros. «Están xogando con lume», advertiu o sindicalista.
    O plus de equiparación salarial negociouse nos acordos dos anos 2008 e 2009, ratificados no 2018. Neses acordos recoñéceselles aos traballadores e traballadoras de limpeza dos hospitais galegos a equiparación salarial co persoal do SERGAS que, neste caso, teñen recoñecido un plus de carreira profesional.

    Segundo a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, o contido deste acordo trasladouse no 2008 ao convenio colectivo e supuxo un incremento salarial «considerable». O dito plus pagouse todos os anos, agás no 2009, en que tamén houbo empresas que tentaron non aboalo, pero acabárono pagando despois de conflitos e mobilizacións.

    Este complemento ratificouse novamente en novembro de 2018, nunha xuntanza en que todas as empresas asistentes asinaron o pagamento de carreira equivalente á equiparación, cun prazo ata o 31 de marzo de 2019 para facelo efectivo. Porén, a día 26 de marzo, as catro empresas sinaladas comunicaron, a través de escritos ás seccións sindicais e aos comités de empresa, que «non van pagar se non se lles solicita e se ten realizado un curso de especialización». CCOO e CIG rexeitan a necesidade deste curso porque «o persoal ten experiencia profesional abonda».